Psicoloxía social

por admicom1

A psicoloxía social defínese como o estudo científico da maneira en que pensamento, emocións e comportamentos individuais son influenciados pola presenza, real, imaxinaria ou implícita doutros individuos. Segundo esta rama da ciencia, o comportamento humano vén definido polas interaccións, ambientes e situacións inmediatas. Por esta definición, podemos dicir que a comunicación é unha das bases das estruturas psicolóxicas do ser humano; sen ir moi lonxe, a propia linguaxe, por dar un exemplo, configura a nosa maneira de ver o mundo en tanto que cataloga e define arbitrariamente unha serie de formas, porcións, sensacións e fenómenos contextuais que o falante desa lingua percibe como importantes ou senlleiros. A comunicación entre individuos, ou sexa o diálogo, expande, modifica e mestura conceptos e comportamentos entre individuos e grupos, xerando harmonía se unha ou máis partes non se impoñen sobre as demais. Da falta de harmonía poden xurdir trastornos, tanto nas partes activas como nas pasivas das relacións interpersoais, e viceversa, de trastornos xorde a falta de harmonía.
Certos trastornos de conduta nos máis pequenos, como pode ser o trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH), impiden, en maior ou menor medida, unha relación efectiva entre o neno e o seu entorno social debido a un motor de vida desenfreado e a unha ansiedade constante.

Outro concepto que toca a psicoloxía social é a resiliencia, a capacidade de sobrepoñerse aos desafíos que poden non só traumatizar a mente dos individuos, senón tamén dun colectivo. Nestes tempos de crise económica e moral a resiliencia é un apoio de vital importancia para moita xente á hora de superar as dificultades que hai por diante.

Tanto un caso como o outro amosan que as persoas non son suxeitos illados e que, dalgún xeito, a un nivel moi primario existe a a necesidade e a capacidade de comunicarse e empatizar. Así, os problemas comunicativos poden afectar a saúde mental e viceversa, polo que a sociabilidade é un beneficio básico. Ademais, os colectivos no seu total son sensibles aos humores dos suxeitos que os forman, polo que unha sociedade forte, como é obvio, depende dos individuos e as conexións entre eles.

PEREIRA VILA, JORGE 152.H02