Xuntarse, moverse, chegar

por admicom1

Todas as ideas necesitan de forza e a forza créase en grupo. Este razoamento tan simple e lóxico é o punto de partida de todos os colectivos autoxestionados que, grazas a unha filosofía proactiva de acción e innovación, estanse a converter nos maiores transmisores de ideas e cultura do panorama social.

Como un exemplo destas iniciativas está o proxecto MGK (Mulleres Galegas Kañeras), no que está a traballar un dos grupos do blogue, e que xurde como resposta a unha situación de inxustiza que perciben no seu entorno. A solución?: xuntarse. Xuntarse arredor dunha idea, implicar ao resto da xente e crear significado. Isto último é o que está a mudar nos últimos tempos: a forma na que se fan trascender as ideas, a través das novas canles e a multiplicidade da mensaxe en diferentes plataformas.

Un colectivo autoxestionado que responde a esta nova forma de agruparse e xerar significado é o colectivo ourensán PORNO, que co motto de ‘prescinde dun autómata, faino ti mesmo’ están a cambiar a forma na que os grupos musicais establecen as súas mensaxes. Un rasgo clave destes grupos é a multidisplinariedade (aquí deixo o seu fanzine) da súa mensaxe e o desenvolvemento da idea do colectivo a través de diversas canles. Non se trata de crear unha mensaxe arredor dun grupo, senón de que o grupo forme parte dunha mensaxe maior, coa capacidade de expandirse en varias direcións e da que todos sexan partícipes.

Hai dous conceptos básicos que se poden extraer de todo isto. O primeiro é que a comunicación crossmedia e transmedia están marcando a diferencia en canto á eficacia na profusión da mensaxe. Multiplicar as plataformas nas que aparece a túa mensaxe e xerar unha historia arredor del é unha forma non só de asegurar a recepción da mesma senón tamén de darlle unha dimensión máis humana. O segundo concepto é a colaboración. Colaboración como filosofía de creación e contracultura nun contexto tan hostil e individualizado como o actual.

A estes dous conceptos súmaselle un terceiro que se corresponde coa parte da acción, da iniciativa, e que completa o cadro ideolóxico destes grupos: o Do It Yourself.

(Este último está só está en inglés, pero se alguén lle quere dedicar un esforzo merece a pena)

VAZ ÁLVAREZ, MARTÍN 152.H05