O pesimismo de Milgram e Zimbardo

por admicom1


Seguindo co tema da psicoloxía social, querería falar dun dos fenómenos máis desconcertantes de vivir en sociedade, máis concretamente naquela onde existe unha figura de autoridade. Toda sociedade ou comunidade está rexida por unha serie de valores, ou se cadra por aqueles que ostentan un ou máis individuos de certa influencia dentro do colectivo. Agora pensemos que dalgún xeito esta autoridade, abstracta ou personalizada, require que un ou varios individuos dentro do grupo realicen algo contrario aos seus principios morais. Ata que punto está disposto a chegar o individuo con tal de compracer a autoridade? É máis, sería capaz de desobedecer? Estas preguntas formulounas Stanley Milgram, psicólogo social estadounidense, que en 1961 realizou unha serie de experimentos, escolmados no libro Obedience to Authority, para intentar atopar respostas a esa cuestión.

O experimento requiría tres persoas: un supervisor, un voluntario que se prestaba a facer de cobaia e un actor cómplice que se facía pasar por un segundo voluntario. Á súa vez cada persoa asumía, de forma xa determinada, diferentes roles: o supervisor covertíase na figura autoritaria, a cobaia tomaba o papel do “mestre” e o actor era relegado a “alumno”. O profesor quedaba ao mando dun xerador eléctrico capaz de aplicar electroshocks ao alumno, que se atopaba nunha habitación contigua, cando este non respondese correctamente a unha serie de preguntas que se lle ían formulando, aplicando maior voltaxe cada vez que respondese erroneamente, ata un máximo de 450 voltios. En todo momento o profesor tiña a opción de finalizar o experimento negándose a participar. Por suposto, o actor non estaba conectado á máquina e só finxía a dor das descargas berrando. A rolda de preguntas comezaba en 15 voltios, e ía ascendendo a medida que o alumno se trabucaba. No momento en que o alumno berraba e imploraba, a maioría das cobaias que chegaran ata ese momento pedían rematar o experimento, e en resposta a esta actitude o supervisor debía animar ao profesor cunha sucesión de imperativos por cada mostra de resistencia:
1. Continúe, por favor.

2. Ten que continuar polo ben do experimento.

3. É absolutamente esencial que continúe.

4. Non ten outra elección, debe continuar.

Se despois da última orde a cobaia seguía negándose a cooperar ou se realizaba a descarga máxima de 450 voltios, o experimento remataba.

Tendo en conta os resultados do experimento, Milgram deixa claro que a obediencia, filósofica ou legal, é efectiva incluso nos contextos máis  extremos, sen que exista unha actitude violenta por parte da autoridade.  Milgram relacionaba este fenómeno co xenocidio cometido polos militares alemáns durante a II Guerra Mundial, que cando foron xulgados escusábanse alegando que só obedecían ordes.  A igualdade entre individuos dunha comunidade é esencial, como tamén é esencial que cada un dos individuos teña certa autoestima para poder enfrontarse aos seus iguais e favorecer unha actitude crítica e aceptada.
Outro experimento relacionado, desta vez para descubrir a mentalidade da propia autoridad, é o do cárcere de Stanford, ideado por Philip Zimbardo: voluntarios divididos en dous grupos, gardas e presos. Isto xa é outro tema, pero é igualmente interesante para descubrir a psicoloxía das estruturas xerárquicas.

PEREIRA VILA, JORGE 152.H02